luns, 16 de outubro de 2017

Non máis lumes. Manuel María

Hoxe tristemente todos choramos pola nosa Terra. Dende o equipo de biblioteca, vos deixamos este poema que fai anos escribiu Manuel María e co que hoxe nos sentimos identificad@s. Aquí volo deixamos para que reflexionemos e pensemos... Non máis lumes!!


Cando o outono derrama xeneroso
o seu aceso ouro sobre as cousas
ou o verán ceiba os seus cabalos
tolos, desbocados e salvaxes,
xorde o incendio
con todo o seu imperio asoballante,
co seu galopar cego e cruel,
co seu bruído de mar e furacán
e o seu absurdo furor irracional.
E os rañaceos caen derrubados,
retórcense os ferros como cobras,
desplómanse as paredes
cun bruído de morte irremediábel.
Cando mans criminais queiman a fraga
e arden os vellos bosques sacros,
habitados aínda polos deuses,
algo, fondo e nobre, arde tamén:
un anaco de patria,
parte indivisíbel de nós mesmos.
Os animais morren abrasados
nos seus tobos de medo,
sacrificados parvamente
a unha crueldade inútil e inhumana.
As aves foxen asustadas
vertendo no ar os seus clamores.
O fume, mouro e mesto, sobe ao ceo
como unha bafarada de arrepío.
E as estrelas contemplas estantías
o colérico incendio destrutor,
ignorante e fermoso, que avanza e retrocede
vestido de amarelo e de vermello.



Manuel María. Cecais hai unha luz


Ningún comentario:

Publicar un comentario